‘Entre Liñas’ enche o valeiro do fútbol na literatura galega con oito visións propias

O libro conta cunha serie de relatos que mostran o impacto deste deporte na comunidade

Tres dos autores acompañaron ao editor da obra, Óscar Losada, na presentación

Dende a esq.: Carlos Meixide, Rosa Aneiros, Óscar Losada e Lois Pérez en O Dezaseis

Dende a esq.: Carlos Meixide, Rosa Aneiros, Óscar Losada e Lois Pérez en O Dezaseis / Jesús Prieto

Valentín Álvarez

“Todos os escritores que están son primeiras opcións. Moitos din que fichan aos que poden, pero eu teño ao equipo que quero e é un pracer”. Así comezou Óscar Losada a presentación de Entre Liñas, editor deste primeiro libro da colección O Dez que recopila oito relatos futboleiros que van moito máis aló do que sucede nos terreos de xogo.

Rosa Aneiros, Carlos Meixide e Lois Pérez, que acompañaron ao editor no acto celebrado na Casa de Xantar O Dezaseis, e Pedro Feijoo, Antonio Fraga, Beatriz Maceda, Manuel Seixas e Iolanda Zúñiga son os autores de cada un dos relatos recollidos na obra. Entre eles suman grandes recoñecementos literarios coma cinco Premios Xerais, dous Merlín, dous Victoria Moreno e dous Frei Martín Sarmiento. Nesta ocasión, contando historias propias ou abrazando as doutros, todos levan ao lector ás emocións, a influencia na sociedade, á parte máis humana e social das persoas que conforman este deporte... En definitiva, ao que non sempre se ve no fútbol.

Óscar Losada, tras agradecer a súa presenza a autores e asistentes, así como a O Dezaseis por acoller o acto, sinalou que “o fútbol pasa por todos os relatos, aínda que tamén son relatos doutras cousas. É o desencadeante de moitas das situacións que contan estes protagonistas, o punto era que cada un fixera pouco o que quixera”, construíndo así unha obra na que todos foron por distintos camiños.

“Creo que na literatura galega non hai moito relato do fútbol e nós queríamos engadir algo. É necesario cubrir un certo oco xa que ao longo dos anos non se fixo, e pensamos que non é estrictamente necesario falar técnicamente do que é ou de situacións de fútbol, aínda que esté incluído con forza nos relatos que se fan aquí”, contou Óscar para rematar a súa intervención explicando o obxectivo co que naceu Entre Liñas.

Dando paso aos autores, a primeira en intervir foi Rosa Aneiros, que expuxo a súa relación co deporte: “Son filla do que foi tesoureiro do Meirás CF dende a súa fundación fai 50 anos e crieime nun campo de fútbol. Para min son espazos que teñen pouco que ver ás veces co deporte, senón co humano. Coa colectividade da parroquia, que se xuntaba os domingos para ver os partidos. E outros días había que preparar a cantina, limpar as instalacións, pasar a cal... É o que quixen recoller no meu relato, que o fútbol está convertido nun gran espectáculo de masas pero ten moito de comunitario”.

Rosa afirmou tamén que forma parte do día a día de calquera persoa, tanto das afeccionadas como das que non, expoñendóo cun exemplo cercano: “Todos convivimos, gústenos ou non, co fútbol. É imposible estar nunha vida na que non entre o fútbol, se non viches as imaxes da Gabarra a semana pasada é que non estás no planeta. É o que quixen reivindicar, a vivencia do local, do comunitario, do humano... Que está detrás do fútbol e moitas veces esquecemos polas grandes figuras e xogadores”.

Ademáis, Rosa subraiou a orixinalidade do libro e o valor de todas as historias, especialmente as dos seus acompañantes. “Quedou unha obra moi interesante e con puntos de vista moi diferentes. Temos unha historia relacionada co penalti de Djukic, que se non está nun libro de fútbol galego non o é, tamén unha sobre un esférico por parte de Beatriz, historias dende a varanda ou do ruido verde...”.

O seguinte en falar foi Carlos Meixide, que precisamente foi o autor desa historia de Djukic. Sobre él mesmo sinalou que “sempre fun moi futboleiro, pero por desgraza un pésimo futbolista. É unha afición que non me veu de familia, pero gustoume dende sempre. Ver partidos na televisión, coleccionar os cromos, ver unha pelota e ir detrás dela... Pola miña xeración o meu primeiro ídolo foi Arconada, e despois acabeime facendo deportivista”, afirmou antes de dar paso á explicación de como xurdiu a idea de escribir sobre Djukic.

“Tiven a sorte de vivir o máximo que pode vivir un aficionado de fútbol. Os momentos máis emotivos foron os tres primeiros anos do SuperDepor, incluso antes, pode que a maior alegría que se viviu foi o ascenso do 91 máis aló dos títulos. A chegada de Bebeto, Mauro, aquel equipo foi o punto de comunión da cidade arredor do clube. Creo que había unha emoción colectiva irrepetible e o penalti, coa tristeza e a emoción, fíxo á cidade deportivista para sempre”.

Aínda así, como xa indicaran os seus compañeiros, non se centrou no aspecto técnico do lanzamento ou no partido en sí, senón na figura persoal de Djukic e a xente da época. “Ademáis de ser un gran xogador era un chaval moi bo, moi humilde. Un ano antes de chegar ao Deportivo traballaba nunha excavadora. A historia da súa fichaxe foi moi curiosa, porque foi Ballesta foi a ver outro xogador a Serbia, pero meteuse noutro partido e víulle algo a Djukic. A Coruña foi o seu primeiro destino no estranxeiro, vive a celebración do ascenso que para él debeu ser flipante, e cando volta a casa cadra coa guerra de Yugoslavia”.

A partir de todas estas emocións que Carlos imaxinaba que vivira o exxogador blanquiazul naceu o seu relato: “Quería especular con ese momento da vida de Djukic, nesa visita a Serbia no verán do 91, para buscar o aspecto máis humano dos futbolistas. A relación co entorno, coas familias, cos seres queridos... E Djukic era un persoaxe que podía dar moito xogo”, esgrime sobre o carácter do seu relato.

O último en intervir foi Lois Pérez, que como exfutbolista deu no seu relato unha visión diferente ás dos seus compañeiros, cos que compartiu a visión de que facía falta unha obra literaria deste tipo: “Hai certo resquemor dende a literatura co fútbol, fundada porque todo o que o rodea con frecuencia dá bastante noxo, pero esta é unha achega”.

Aínda que él dedicouse durante anos a práctica deste deporte, asegura que lle gusta velo coma “un xogo”, e gustaríalle que a xente tamén o vise así. “Un grupo de rapaces nun descampado, con dúas pedras e un balón medio pinchado... Para min o fútbol nunca deixou de ser iso e o resto é capitalismo puro e duro. Estou orgulloso, unha vez lido o libro, de que isto tamén é así para os demáis. Ten que ser un lugar de encontro, de convivencia, de comunión entre estractos sociais... É o espíritu co que afrontaba este reto”.

O seu relato xurdiu de moitas inspiracións e céntrase na imaxe que concibe do ruído verde. “Intentei achegarme ao que significa o xogo para mín nutríndome de recordos. Son episodios que reflicten o meu paso polo profesionalismo e as vivencias da infancia. Fíxenme profesional por intentar prolongar a infancia e o xogo que me facía enormemente feliz. Hai unha circunstancia que se dá no profesionalismo, porque estamos sendo felices e non nos percatamos. Entre autobuses, lesións, concentracións, penurias... Foi unha experiencia frustrante a maior parte do tempo ata que o deixei cando fun pai. Pasei uns anos enfrontado sen querer saber nada, de feito apenas gardo recortes. E despois retomeino no fútbol veterán, e nútreme moito de historias do campo sociolóxico e de observación. Quería mesturar todo isto e darlle forma de relato”.

Lois non só disfrutou como autor do proceso de escribir a súa historia, tal e coma sinalou para rematar co turno de intervencións: “Agora que acabei o relato, dalgún xeito reconcilieme con moitas cousas que estaban ahí, pululando na miña cabeza e que sempre me acompañan, pero non tiña rexistradas ou plasmadas”, concluíu o exfutbolista.